"As mariscadoras". Luis Seoane. Carlos Senra, 6ºC |
Ola rapaces e rapazas! Aquí estamos cunha nova partitura.
Que vos pareceu o Concerto Didáctico do Día das Letras? Se aínda hai algún/algunha de vós que non o viu, recoméndovolo porque saen moitos/as compas do cole e ides aprender moitas cousas sobre os instrumentos traicionais galegos. Tamén están expostos os vosos traballos de plástica sobre Menchu Lamas; así que non o podedes perder.
Como esta semana traballamos a música tradicional, a canción de hoxe é unha canción popular galega que todos/as coñecedes: "A Rianxeira".
Cun bonito acompañamento de piano, poderedes aprender a tocar esta peza tan popular. Como veredes, primeiro tocades acompañados dunha frauta que fai a melodía e un piano. Despois, tocades só co acompañamento de piano. Non é difícil pero é bastante rapidiña, con figuras curtas, moitas corcheas, que fan que o ritmo sexa rápido.
Imos botarlle un vistazo:
Compás: o primeiro que ides ver, e que non coñecedes, é o compás de 3/8; no cole nunca o vimos pero non é difícil. En realidade, é como un 3/4 pero en cada tempo entra unha corchea en vez dunha negra; polo tanto, en cada compás entran 3 corcheas, por iso vai máis rápido.
Grupos rítmicos: como no compás entran tres corcheas, os grupos rítmicos que imos ver son 3 corcheas xuntas, corchea e negra (e ao revés) e negra con puntiño. Outro grupo que ides ver, ao final, é corchea con puntiño, semicorchea e corchea. Unha vez que o escoitedes, non ides ter problema. O truco é escoitala varias veces seguindo a partitura antes de estudiala e, despois, poñerse a traballala con calma.
Alteracións: tedes dous sostenidos para as notas fa e do. Xa sabedes como se fan; de todos xeitos tedes a táboa de dixitación na clase anterior. Consultádea.
Estrutura: A-B-B´-A-B-B`.
E non hai moito máis que explicar. Se tedes dúbidas, escribídeas en comentarios, porque así podemos axudarnos uns aos outros, vale?
"A Rianxeira"
Agora imos facer un exercicio rítmico ca "Muiñeira de Pontesampaio". Veredes que na partitura aparecen claves, ferriños, pandeiretas e cunchas. Seguro que non tedes todos eses instrumentos na casa pero podedes amañar para sustituilos polas palmadas e algún dos que construistes. Se vos falta algún, podedes elaboralo. Sexa como sexa (aínda que só o fagades ca percusión corporal) traballade os ritmos e facédeos ca música.
Hoxe non vou deixarvos moito máis; tedes bastantes partituras en xogo e hai que ir sacándoas adiante.
Antes de marchar, anúnciovos que a semana que ven faremos unha "videoclase"; xa vos avisarei do día e da hora de cada grupo. Hai moito tempo que non nos vemos e teño moita gana de vervos a todos/as. Ide repasando as cancións que estivemos aprendendo e as que xa sabiamos.
Gustaríame tamén que experimentedes cas palliñas e intentedes facer a frauta que nos ensinou onte Abraham Cupeiro. É moi doado de facer e moi sorprendente o resultado. Animádevos e compartide asd vosas creacións. Déixovolo aquí outra vez.
Despedímonos cun dos instrumentos que vimos onte no Concerto Didáctico, e un dos máis populares da nosa cultura: a pandeireta.
O que imos escoitar titúlase "Xota de Negreira de Vilamaior". Os músicos son Davide Salvado, voz e pandeireta, Cibrán Seixo que toca o violín e o moog, un teclado ou pedalero que se toca cos pes, como podedes ver no vídeo, e Fransy González, voz e pandeireta. Fransy é a mestra de pendeireta de Xiradela e estivo con nós no concerto do Día das Letras, falou sobre a pandeireta e cantou un par de pezas para nós.
Os instrumentos da música tradicional, como a pandeireta, pódense fusionar con calquera outro instrumento, sen deixar o seu caracter tradicional. Se vos gusta, podedes seguir curioseando en youtube e veredes que estes músicos teñen moitas pezas bonitas.
Espero que vos guste.
Vémonos a semana que ven! Petiscade na frauta que xa estamos na conta atrás.
Unha aperta!!!!
Ningún comentario:
Publicar un comentario