#euquedonacasa |
Ola músic@s:
Hoxe toca ensaio, así que ide quentando os dedos que comezamos. Antes de seguir, quero lembravos que miredes esta parte do blog de vez en cando porque, aínda que non vou colgar cancións todas as semanas, irei poñendo cousiñas para aqueles/as que queirades seguir aprendendo e tocando pezas novas.
Hoxe imos comezar cunha canción moi bonita, da que xa puxen unha versión para banda na presentación desta parte do blog, na primeira páxina de "Divertimento". Escoitádea de novo.
"La vita e´bella". Nicola Piovani.
A única "dificultade" que podemos ter é unha nova nota: sol#, que se fai tapando as notas si e la, da man esquerda e as notas fa e mi da man dereita. De todos xeitos, vou deixar aquí as dixitacións de frauta.
O resto das notas xa son de sobra coñecidas. Practicade ben as notas agudas antes de poñervos ca partitura: mi 4 e fa 4 son como mi 3 e fa 3, pero co burato de atrás destapado (aínda que nesta táboa aparece medio tapado, podedes facelo destapado completamente. É moito máis facil)
Táboa de dixitación da frauta doce
En canto aos grupos rítmicos: ligadura, negra con puntiño completada con corchea, silencio de corchea antes e despois da corchea ... nada novo. Escoitade ben a canción e xa vos daredes conta de como hai que medilos e, sobre todo, de onde hai que respirar (depois das ligaduras, nos silencios, nos sinais propios de respiración). A respiración é moi importante nesta peza porque nos axuda á expresión da melodía; esta partitura caracterízase pola súa expresividade; o fraseo, os silencios ben feitiños e unha respiración axeitada axudaránnos a conseguila.
Numerade os compases e observade as repeticións para ter clara a estrutura da canción: A-A-A´- B - B´-A-A´.
Nada máis chic@s. Espero que vos guste; é unha canción moi bonita, con bastantes repeticións e iso facilita moito a aprendizaxe da peza.
Se tedes dúbidas, suxerencias ou calquera outra cousiña que vos apeteza comentar, podedes compartilas aquí abaixo, en comentarios.
Un achuchón e ánimo, que cada vez queda menos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario