luns, 23 de marzo de 2020

Sereas barrocas

#euquedonacasa

Ola a todas e todos! 


Como vedes, finalmente animeime a abrir un blog. Penso que pode ser moi práctico para as actividades da aula e as que imos facer estas semanas na casa. Pouquiño a pouco iremos enchendo estas páxinas de contido para que o traballo sexa máis ameno e poidades compartilo cas vosas familias.

Como xa sabedes, non temos as mesmas partituras nos dous sextos. Co paso dos días irán aparecendo unhas e outras. Poderedes aprender todas as que queirades.
Aínda que é aquí onde estarán as actividades que se corresponde co voso curso, anímovos a curiosear nos outros petiscos xa que poderedes prácticar cancións aprendidas e aprender outras novas. Tamén veredes actividades diferentes das vosas; estou segura de que vos gustarán.
Imos comezar! O traballo desta semana consistirá en aprender unha nova canción,  titulada "Viva Vivaldi", de José Palazón. Está escrita ao estilo de Vivaldi, de aí o seu título. Escoitádea a ver se vos gusta.


"Viva Vivaldi"



                                              


Lémbravos un pouquiño ao Canon de Pachelbel? Claro! as dúas obras son de estilo barroco.
Veredes que a canción ten bastantes cousiñas que terás que ir traballando pouco a pouco. Nada é novo, xa o temos visto noutras partituras pero debedes aprendela por partes. 
Primeiro escoitádea detenidamente un par de veces para entender a súa estrutura, repeticións, compases en espera ... Levade o ritmo cas palmas, unha palmada cada negra. A canción dura ata o minuto 2:07, o que ven despois é o acompañamento sen frauta, para que o toquedes cando a canción xa estea perfecta, ca velocidade correcta... Pero non hai présa, ide pouco a pouco. 

Copiade a partitura na libreta de música. Prestade moita atención ás notas, ás figuras e a todos os elementos que forman parte dela. Numerade os compases. Intentade ir lendo as notas co ritmo axeitado, dixitade antes de tocar. Escoitar a música axudaravos a levar ben o ritmo mais ao principio, mentres a aprendedes, teredes que ir amodiño e parando en todas as dificultades que se vos presenten, en especial no silencio de corchea (facemos respiración para medilo), na ligadura (primeiro facémolo sen ela e cando saia, colocámola) e no grupo rítmico do compás 8 (corchea e 2 semicorcheas) que se repite moitas veces ao longo da partitura. 
Fixádevos que a primeira páxina remata con cinco compases en silencio e a segunda páxina comeza igual; bueno, pois ese compás é o mesmo. Na melodía non hai dous compases con un 5 enriba; só hai un (na partitura aparece dúas veces para que vos lembredes que estades en silencio, pero só se fai unha vez). Compás 26 en silencio, do 27 ao 31 en silencio, o 32 xa comeza repetindo o tema e xa para o 33.

Como vedes nada é novo, mais precisa un poquiño de traballo.

Antonio Vivaldi foi un compositor italiano, que pertence á época do barroco, igual que Pachelbel, do que aprendimos o Canon que ven a continuación.

Antonio Vivaldi


"Canon"

Aínda que tedes a partitura na vosa libreta, revisade que estea ben escrita. Respetade os sinais de respiración, así nos axudará ao fraseo musical. Este audio é só acompañamento, a única frauta que se vai escoitar é a vosa; iso vos axudará a darvos conta dos erros. Non pasedes por alto as dificultades. Facede un alto no camiño, solucionade o que non saia e, logo, seguide adiante.



Unha vez que teñades a peza sen erros, practícádea en forma de canon. Podedes alternar e, de cada vez que a toquedes, seredes a frauta 1, a frauta 2 ou a frauta 3.


Outra tarefa que iremos facendo esta semana é unha busca de información deste dous autores barrocos tan importantes: Antonio Vivaldi e Johann Pachelbel.
Johann Pachelbel

Elaborade unha ficha onde aparezan os datos biográficos máis importantes de cada un deles: onde naceron, en que ano, datos importantes da súa vida como músicos ... Anotade tamén as características musicais máis importantes do período barroco e os instrumentos que se tocaban nese momento. Mencionade algún outro músico importante do momento (hai un que non se vos pode pasar por alto!!!!). Podedes engadir debuxos, fotos ... Cando teñades todos os datos, poderedes presentalo en forma de redacción, ficha, dixital,  ou darlle o formato que queirades. Podedes pegalo na libreta de música, tal e como fixestes cos traballos dos instrumentos, ou gardalo aparte. 


Penso que por esta semana é máis que suficiente. Vouvos deixar algunhas das cancións que xa temos aprendidas para que poidades ir petiscando nelas, cando teñades tempo.

"That´s all folk". Bob Dylan.

Se non tedes a partitura e querédela estudar, preme en descargar e xa a podedes imprimir. Escoitádea primeiro e botádelle un vistazo atentamente. Numerade os compases e fixádevos nos silencios con números enriba, nos sinais de repetición (dous puntos e 1º e 2º vez)...  Nada é novo.
Se vos fixades, os dous primeiros pentagramas son só para unha voz. A partires do compás 18, hai dous sistemas con dúas voces cada un. Como xa sabedes, o pentagrama de enriba de cada sistema é para a primeira voz e o de abaixo, para a segunda . Escoitade a melodía seguindo a partitura e vos facilitará a súa comprensión.

DESCARGAR







E agora ...  imos baixar ao mar!! 





Podedes ir montando a vosa propia coreografía para esta canción. As/os alumnas/os que xa estivestes traballando nesto no cole, seguide avanzando. Máis adiante poderemos ir colgando os vosos vídeos pero ... paciencia, que eu tamén estou aprendendo a manexarme nesto dos blogs!

E xa por último vouvos deixar un vídeo dun dos compositores e violinistas máis famosos do momento: Ara Malikian. Este músico naceu en Beirut (Líbano) no ano 1968. Desde pequeno amosou un talento excepcional. Durante moito tempo viviu en refuxios aéreos,  xa que no seu país houbo unha guerra que durou bastantes anos. Con 12 anos deu o seu primeiro concerto, con 14 concedéronlle unha beca e con 15 foi estudar a Londres da man dos mellores mestres do mundo. Agora vive en España. O documental "Una vida entre las cuerdas", gañador do premio Goya 2020, narra a súa experiencia de vida e reflexiona sobre as persoas que viven en situación de guerra. Moi recomendable.

Espero que vos guste e vos anime a investigar sobre este músico tan interesante como  humano.

Ata a semana!!! Bicos!

"Ay, Tikar Tikar". Ara Malikian



"Aria". Juan Sebastian Bach














Ningún comentario:

Publicar un comentario

A familia do vento metal

A trompeta máxica Ola a todas e todos! Comezamos a clase con música.  O que acabamos de ver  é un quinteto de metáis: unha...