domingo, 29 de marzo de 2020

A la Claire Fontaine



#euquedonacasa


Ola rapazas/es: 

Por fin aprendín a insertar audios no blog. Non vos imaxinades canto estou aprendendo!!! Isto vai ser de gran utilidade para nós porque non todas as pezas que traballamos na clase pódense atopar en internet; son conscente que traballar sen audio nas partituras novas complica un pouco a tarefa.

Superada esta dificultade, déixovos aquí o audio dunha das miñas partituras preferidas e que xa temos traballada: "A la claire fontaine". Esta partitura tédela os dous sextos. Agora é un bo momento para deixar PERFECTAS tanto a primeira como a segunda voz, especialmente esta última.

As frautas contralto seguides a traballar a vosa parte, facendo especial fincapé na terceira voz do sistema 124. Traballade as notas graves, sen forzalas; xa sei que non son doadas pero con esforzo e dedicación, saen. Dixitade antes de tocar: escalas ascendentes e descendentes (especialmente do-sol, ascendente e descendente) para acomodar os dedos á frauta.
Aí queda o audio. No recadro da dereita, onde aparece unha flechiña, podedes picar e descargades a canción, así non teredes que entrar no blog cada vez que queirades estudala.

"A  la claire fontaine". Tradicional Canadá (6ºA,6ºB)



Como xa sabedes, o repertorio de cada sexto varía un pouquiño; algunhas cancións son comúns e outras non. Para aclarar: cada grupo ten que repasar as súas aínda que, se queredes, podedes aprender as dos outros grupos. Eu anímovos a que o fagades. Non son difíciles e estades preparados para facelo. Se tedes dúbidas, xa sabedes, preguntádesme.


"El campanero". Orquestal (6ºB)


Esta peza comezámola a preparar hai unhas semanas. Está pensada para tocar con diferentes instrumentos: frautas, láminas, pequena percusión... De momento imos seguir preparando a primeira voz ca frauta soprano. As compañeiras que tocan o violín tamén poden preparala. Máis adiante comezamos co traballo das frautas contralto. Ollo co fa sostenido!!






"El Gato Aki". Orquestal(6ºA)


Igual ca peza anterior, "El gato Aki" está creada para ser interpretada por diferentes instrumentos. Como xa  a temos explicada na clase, repasádea ben e afianzade todas as voces ca frauta. Cando a queiramos tocar con distintos instrumentos, xa estaremos preparados. 
Os/as que a ides tocar por primeira vez comezade pola voz I. Máis adiante aprendede a II e a IV. Xa para rematar a voz III, primeiro as notas de enriba e logo as de abaixo. Realmente o importante é a voz I.
Máis adiante comezaremos cunha parte para a frauta contralto.

DESCARGAR






Que sensación che transmite o comezo desta canción? Tranquilidade e paz ou actividade e movemento?
O son do mar convídanos á reflexión, á calma, á paz interior... Nós teremos que conseguir instrumentalmente esa sensación e poderemos facelo creando unha paisaxe sonora. Non se trata de tocar melodía senón de crear sons que nos axuden a transmitir esas sensacións. 

Que instrumentos poderíamos elaborar para a nosa paisaxe sonora? Eu vouvos propoñer un e vós teredes que pensar noutros, a ver que se vos ocorre. Estou convencida de que ides ter moi boas ideas. 

A miña proposta é elaborar un pao de choiva. 

Este instrumento consiste nun tubo recheo de sementes. O tubo pode ser longo ou curto e dependendo da súa lonxitude o son producido cambiará. O tubo inclínase amodiño e as sementes caen; no seu repicar producen un son que semella o da choiva ou a da auga caendo. Como vos dixen, emprégase para crear efectos de son ambiental.

Hai moitísimas alternativas de elaborar un pao de choiva, dependendo do tempo que queirades invertir, dos materiais dos que dispoñades ... É unha tarefa bonita para elaborar sen présa ca vosa familia. Adornará a vosa casa e axudará a crear ese ambiente de paz que precisamos na montaxe da canción.
Deixovos aquí este vídeo que vos fala da súa orixe e plantexa unha elaboración moi aberta. Podedes inspirarvos nos infinitos titoriais que hai en internet, pero eu anímovos a que empreguedes a vosa creatividade e imaxinación para elaborar un pao de choiva único: o voso. 

Se queredes, podedes enviar foto das vosas creacións. A medida que vaian chegando, publicareinas.

Mentres elaborades o voso instrumento, suxírovos que vos acompañedes da música do compositor francés Claude Debussy. 


Claude Debussy foi un dos compositores e pianistas máis importantes de finais do século XIX e principios do XX.Naceu en Francia no ano 1862. Está considerado como o primeiro compositor impresionista.A súa música está inspirada nunha gran variedade de poesía, incluída a súa propia.Desenvolveu unha  música caracterizada pola creación de paisaxes sonoras de gran colorido orquestal.Foi moi criticado pola sociedade do seu momento pero as súas obras influiron moito nun gran número de compositores posteriores a el.Morreu en Francia aos 55 anos e idade. 

Podedes "bucear" pola música de Debussy e ver as  obras que máis vos gustan. 
Eu propóñovos un par delas:

"Arabesque número 1"



"Suite Bergamasque".Claro de luna.


Identificades o instrumento destas pezas? Esta tarefa consiste en elaborar un pequeno traballiño, sinxelo, sobre o piano. A súa orixe, familia instrumental á que pertence, como produce o seu son, tipos de pianos, pianistas máis importantes na historia da música e outros datos que vos parezan interesantes. Como sempre, podedes facelo no soporte que queirades: dixital, papel ... o importante é que o fagades ben e que aprendades mentres o facedes.

Imos despedirnos cantando e dedicando esta canción as todas as persoas que estes días están e estades sendo tan valentes. Se cada un de nós aporta o seu graíño de area, axiña voltaremos ás nosas vidas. Podedes escoitala e bailala ca vosa familia. 

Lembrade que a vida con música, soa mellor!

Os/as amigos/as do grupo de flautas, mirade na pestana "Divertimento". Alí tamén hai colgada tarea para vós. Comezan os ensaios!!

Ata a semana!!! Bicos.




















Ningún comentario:

Publicar un comentario

A familia do vento metal

A trompeta máxica Ola a todas e todos! Comezamos a clase con música.  O que acabamos de ver  é un quinteto de metáis: unha...