GRUPO INSTRUMENTAL "DIVERTIMENTO" |
Hai xa un par de anos, un grupo de rapazas e rapaces de sexto pedíronme que lles dera máis partituras para tocar na casa. Para resolver as dúbidas que lles xurdían, comezamos a vernos nalgúns recreos.
A verdade é que o pasabamos moi ben. Pouco a pouco, sen pretendelo, fomos creando o costume de vernos polo menos, nun recreo á semana, de forma totalmente voluntaria.
O resto veu só. A idea era preparar as pezas que nos apetecían, ao noso ritmo; cun ou dous ensaios á semana de menos de media hora non se podía facer moito máis. Tampouco nos preocupaba.
Comezamos a traballar pezas un pouquiño máis complexas cas nosas frautas, e acompañados doutros instrumentos que algúns dos rapaces/as estudaban na Escola de Música como violín, guitarra, piano, clarinete, flauta travesera ... Non só nos reuníamos para tocar; tamén preparamos algunha obriña de teatro. Foi unha experiencia moi satisfactoria tanto para eles/as como para mín.
Este é xa o terceiro curso consecutivo no que, de xeito totalmente informal, está en marcha o Grupo Instrumental "Divertimento". Este curso tamén contamos con violín, saxofón, trompeta, piano, percusión e guitarra, ademáis das nosas frautas e os instrumentos da aula.
O noso obxectivo é divertinos mentres facemos música. De aí o nome do grupo: Divertimento foi unha forma musical moi popular no século XVIII. Estaba composta para un grupo reducido de instrumentos e caracterizábase por ter un estilo moi desenfadado e alegre.
E alegres é como vides nos recreos faga sol ou chova, despois ou antes dun exame, cadre luns, xoves ou venres... Ás 12 en punto xa estades na porta da aula de música cas vosas frautas e partituras nunha man e a merenda na outra. Alternando petiscos no bocata e petiscos na frauta aprendemos novas melodías, coñecemos outros instrumentos e, sobre todo, aprendemos a convivir e a traballar en grupo e compartimos experiencias que, dalgunha maneira, quedarán no recordo de todos/as nós porque, sen pretendelo, fixemos amigos mentres musiqueamos.
Por todo esto e moito máis, douvos as grazas. A vós e a todos/as os rapaces/as que pasades, e pasáchedes pola aula de música. Porque entre petiscos á frauta e sorbiños ao café, obsérvovos e facedes que me sinta inmensamente agradecida por desfrutar cada día do meu traballo.
Con música, a vida soa mellor.
Déixovos con este fragmento da banda sonora de "La vida es bella", composta por Nicola Piovani. Esta preciosa película amósanos que ante as dificultades non podemos perder o ánimo e o humor porque ... a vida é fermosa!!!
Moito ánimo e moita música para estes días.
Vémonos pronto.
"Suite de "La Vita é Bella". Nicola Piovani.
Bandístico Orchestrale
Ningún comentario:
Publicar un comentario