sábado, 21 de marzo de 2020

Benvidos a Petiscos Musicais!




#EUQUEDONACASA
Ola  todas e todos! 


Neste blog, recentemente saído do forno, poderedes acceder a diversas actividades para seguir desfrutando da música en casa. Algunhas xa as fixemos no cole e servirán para afianzar o traballo; outras serán novas, pero moi faciliñas. O importante: divertirnos con todas.

Se curioseades polo blog, veredes que hai petiscos para cada un dos cursos. Así, se estades en terceiro teredes que pinchar en "Petiscos de terceiro"; se o voso curso é primeiro pincharedes en "Petiscos de primeiro" e así con cada curso. Neles irán aparecendo as actividades e tarefas que faremos mentres esteamos na casa. 
Tamén atoparedes "Tutti Frutti", que como o seu nome indica é para todos os cursos; alí poderedes desfrutar dos Concertos Didácticos e de contidos relacionados ca música.


Lembrade o que decimos sempre na clase: cada canción aprendida forma parte do noso repertorio. Así que, independentemente do curso no que esteades, podedes repasar as de cursos anteriores. Tamén poderedes atrevervos a petiscar nalgunha das que non vimos.

As actividades de cada curso serán diferentes; se vos apetece poderedes petiscar tamén nas doutros cursos, así traballaredes cada semana un pouquiño de todo.

Pouquiño a pouco (eu tamén teño que aprender) irei incorporando tarefas e actividades que poderedes compartir coa vosa familia. Como xa sabedes, a música pódese desfrutar de moitas maneiras: tocando un instrumento, bailando, escoitando, compoñendo ... pero como máis se desfruta é en grupo. Así que, desde aquí, convídovos a desfrutar destes días compartindo música.

E para comezar, déixovos un vídeo dunha particular e divertida orquestra. 


Espero que vos guste!! 
















Ningún comentario:

Publicar un comentario

A familia do vento metal

A trompeta máxica Ola a todas e todos! Comezamos a clase con música.  O que acabamos de ver  é un quinteto de metáis: unha...