Ola rapazas e rapaces! Que tal estades? Hoxe imos comezar falando das familias de instrumentos
Como xa sabemos, hai tres familias de instrumentos: a corda, o vento e a percusión. Hoxe imos comezar pola familia da corda.
A semana pasada vimos unha pequena biografía do músico e compositor Antonio Vivaldi. Unha das súas obras máis famosas son "As catro estacións", uns concertos dedicados as estacións do ano. Hoxe imos escoitar "A Primavera". Os protagonistas desta obra son os instrumentos de corda frotada.
Agora imos intentar adiviñar que instrumentos soan:
Que vos parece se cantamos unha canción mentres escoitamos outros instrumentos? Atent@s, que hai que cantar en inglés !
Cambiamos de actividade e imos traballar cunha serie de exercicios alternados: uns de lectura rítmica e outros de lectura melódica que nos van servir para cantar e para tocar. Os primeiros teredes que facelos con palmadas, dicindo as sílabas rítmicas: blan-ca, ta, ti-ti, sssh!. Os melódicos axudarannos a dixitar e iremos construíndo pouco a pouco unha melodía. Aproveitade cando esteades en espera, escoitando (listen), para cantar o nome das notas, así faredes triple traballo: ler, entoar e tocar. A parte da repetición (play) é na que vós tedes que tocar. É moi faciliño. En canto o vexades xa vos ides decatar. Aproveitade estes exercicios para afianzar as dixitacións. Intentade practicalos varias veces á semana.
Exercicio 1
"Old MacDonald"
Un pouquiño máis difícil. Atención co puntiño, xa sabedes que vale a metade da negra.
Exercicio 2
"Peace like a river"
Despois de quentar motores, vouvos deixar aquí algunhas partituras de repaso. Cada un/unha de vós ten que repasar as partituras correspondentes ao seu grupo, tanto as desta semana como as da semana pasada. De todos xeitos, eu anímovos a que traballedes algunha dos outros grupos. Todas teñen o mesmo nivel de dificultade e vos permitirá afianzar o que xa sabedes. Así, ampliaredes o voso repertorio.
"Trompas e trompetas" (4ºA) Por fin ten título esta canción!!!
"Domino" (4ºA)
"Un blues calquera" (4ºA, 4ºB,4ºC)
"Mad Mix" (4ºB)
"Swimming pool". Para os tres grupos.
Xa para rematar, vouvos deixar uns pasatempos musicais. Espero que vos gusten!
Imos despedirnos dedicando esta canción as todas as persoas que estes días están e estades sendo tan valentes. Se cada un de nós aporta o seu graíño de area, axiña voltaremos ás nosas vidas. Escoitádea e bailádea ca vosa familia.
Preparados para comezar a clase? Veña!! A que esperades??? Hoxe imos comezar quentando os dedos con exercicios de dixitación. Déixovos aquí uns vídeos para que os vosos dediños fagan ximnasia e poidan coller a axilidade que precisades para tocar as cancións. Seguimos a traballar cas notas Si, La e Sol. Lembrades os exercicios que facemos na clase onde eu canto e vós repetides dixitando e logo tocando? pois esto é o mesmo. Primeiro escoitades (listen) e logo tocades (play). A primeira vez podédelo facer cantando, así practicades a letura de notas e a entoación. A segunda vez xa ca frauta.
Agora xa todo seguido e sae una fermosa melodía.
Dixitamos de novo; agora con esquemas máis longos. Precisades ter a memoria en forma! Lembrade, a primeira vez cantando as notas e despois tocando.
E agora a canción.
Moi ben! É importante que repitades estes exercicios varias veces á semana; deste xeito os vosos dedos collerán moita axilidade. Agora que xa fixemos os exercicios, vouvos deixar un par de cancións moi faciliñas. Antes de comezar imos repasar os pasos que debedes seguir para aprender unha canción nova: primeiro esoitádea un par de veces, intentando seguir a partitura ca melodía. Copiade a canción na libreta de música fixándovos en colocar as notas no seu sitio (esforzádevos en escribir ben as notas, as liñas divisorias, os dous puntiños...). Cantade as notas dando palmas, respectando o valor de cada figura. Volvemos a cantala á vez que a dixitamos. Cando vexades que vai saíndo, xa a podedes tocar ca frauta. Non toquedes con erros, estade pendentes de corrixilos. "Sesión de jazz"
Esta é unha canción moi bonita e faciliña, a única novidade é a blanca con puntiño, que como sabedes dura 3 tempos.
Pois ata aquí o traballo de frauta. Lembrade que, a medida que aprendemos cancións novas, debemos repasar tamén as anteriores.
Ei nen@s! Escoitade! Coñecedes esta música?
Pois sí, era "A Primavera". É moi famosa. Está composta por Antonio Vivaldi, un músico italiano que fixo música para cada unha das estacións do ano. Imos facer un exercicio rítmico ca música de Vivaldi. Facede os ritmos cos instrumentos do voso corpo que queirades: palmadas, pés, xeonllos, cuíño, bicos...
Podedes elaborar instrumentos de percusión para acompañar a música que acabamos de escoitar. Aquí van algunhas ideas; nalgúns instrumentos da segunda opción ides precisar a axuda/supervisión dun adulto; non porque sexa difícil, pero precisades tesoiras e cuter e sós non debedes facelo.
Queres coñecer a Vivaldi?
Antonio Vivaldi naceu en Venecia no ano 1678.
Foi compositor, violinista e un dos músicos máis importantes da historia.
Compuxo máis de 770 obras, entre elas "A Primavera".
Era coñecido polo nome "il prete rosso", porque era cura e pola cor do seu cabelo, aínda que nesta foto leva unha perruca branca.
Formou a súa orquestra nun colexio de nenas orfas, onde traballou moi feliz e todo o mundo quería asistir aos seus concertos.
Morreu en Viena no ano 1741. Cantos anos viviu Vivaldi? Veña, bota as contas!Cantos anos pasaron desde que naceu? desde que morreu? Que vos parece se facemos o noso propio Cadro da Primavera? Mans á obra! Neste enlace poderedes descargar o retrato de Vivaldi.
Coloreádeo, recortádeo e pegádeo nun folio. Decorádeo todo moi primaveral e poñéllede o título da obra e do autor, así: "La Primavera". Antonio Vivaldi. Non vos esquezades de poñer tamén o voso nome. Gardádeo ben para que eu poida velos cando volvamos ao cole!! Seguro que quedan moi chulos! Mentres facedes este traballiño, podedes escoitar este conto con música de Vivaldi titulado "Las cuatro estaciones".
Ide facendo estes traballiños pouquiño a pouco. Agora veñen uns días de vacacións e, cando rematen, seguiremos divirtíndonos con máis música!!!
Imos despedirnos dedicando esta canción as todas as persoas que estes días están e estades sendo tan valentes. Se cada un de nós aporta o seu graíño de area, axiña voltaremos ás nosas vidas. Escoitádea e bailádea ca vosa familia.
Hoxe imos facer moitas actividades. Preparados/as?
Como podedes ver no debuxo do comezo, hai moitas flores porque é primavera. A música e a primavera están moi relacionadas porque hai moitos músicos que se inspiraron na natureza, e nas estacións do ano, para compoñer as súas obras musicais.
Imos comezar por Tchaikovsky, que compuxo este vals tan bonito.
"O Vals das flores". Tchaikovsky
Gustouvos? Recoñecedes os instrumentos que saen nesta música? Algúns deles xa os estudamos a semana pasada.Vouvos falar un pouquiño do compositor.
Piotr Ilich Tchaikovsky foi un músico e compositor ruso que naceu no ano 1840. Os seus pais querían que fose abogado pero el quixo ser músico. Compuxo obras moi famosas, sobre todo ballets como "El cascanueces", "El Lago de los cisnes", "La Bella Durmiente" e tamén moitos conciertos para orquestra. Morreu en San Petesburgo (Rusia) en 1893.
Pon a cabeza a funcionar: cantos anos viviu Tchaikovsky? cantos anos fai que morreu? e cantos fai que naceu?
Abride este enlace e veredes quen vos está esperando!!!
Propóñovos unha tarefa. Atentas/os: escoitade de novo a música mentres decorades ao noso amigo Tchaikovsky. Cando rematedes, buscade na seguinte ficha os instrumentos que soan no "Vals das flores". Recortádeos e coloreádeos.
Cando teñades todo listo collede un folio. Poñédelle o título da música e o nome compositor: "O Vals das flores". Tchaikovsky. Ollo con ese apelido, que é moi difícil de escribir. Pegade a Tchaikovsky e aos instrumentos que se escoitan no vals. Decorádeo moi primaveral e ... xa tedes a ficha do "Vals das flores".
Lembrade poñer tamén o voso nome!! Seguro que vos quedou moi chulo. Gardádeo para que poda velo cando voltemos ao cole.
Agora imos traballar cas figuras musicais: blanca, negra, corchea e silencio de negra. Xa sabedes que para este traballo hai que prestar moita atención. Faino con palmadas e diciendo a sílaba que lle corresponde a cada figura: blan-ca, ta, ti-ti, ssshh!!. Comezamos!
Agora con todas as figuras. Fixádevos que van no tren do catro.
Agora imos facer uns exercicios de ritmo e escritura musical. Imos repasar un pouquiño. Na primeira teredes que asociar cada figura musical co seu nome e as sílabas que se din cando as lemos. Na segunda, ler eses ritmos e escribir as súas sílabas e na última, ler os ritmos con palmadas.
Tedes xa a memoria en marcha? Pois veña, máis ritmos. Aí van moitos vagóns do tren do catro. Na primeira e segunda ficha tedes que ler e palmear cada ritmo. Facédeos seguidos, sen pausa entre uns e outros. Tamén podedes xogar as adiviñas con alguén da casa. Vós facedes un ritmo e a outra persoa ten que adiviñar o que fixestes, tal e como facemos no cole. Na terceira, tedes que completar cada ritmo cas figuras que poden ir en cada vagón. Fíxate moito!!
DESCARGA Apetécevos practicar os exercicios de ritmo con algún instrumento? É posible que na casa non teñades ningún pero... mirade cantos podedes facer só con tapóns de botellas!!!!! Lembrade que vós non podedes usar o cuter, así que pedide axuda!!
Imos despedirnos cantando e dedicando esta canción as todas as persoas que estes días están e estades sendo tan valentes. Se cada un de nós aporta o seu graíño de area, axiña voltaremos ás nosas vidas. Escoitádea e bailádea ca vosa familia. Lembrade que a vida con música, soa mellor!
Seguimos no espazo. Imos comezar a semana cunha canción nova para todas/as. Titúlase "Futurama". Déixovos aquí o enlace onde tedes a partitura e o audio. Escoitádea e fixádevos ben na partitura.
É moi faciliña verdade? Compás de catro por catro, negras, corcheas e blancas, rexistro de sol a do´... chupao!!! Se vos fixades ben, repítese 3 veces aínda que o segundo pentagrama de cada repetición (A-B-C) varía. Isto ten truco!! De momento estudiádea tal e como aparece na partitura. Tamén tedes play-back para cando a saibades moi ben.
Aínda que quedemos na casa, podemos facer unha viaxe polo espazo. Veña, ide poñendo a escafandra mentres escoitamos un pouquiño de música. Seguro que xa a coñecedes de pelis, debuxos animados, anuncios da tele..
Este fragmento titúlase "Amanecer" e pertence a un poema sinfónico composto por Richard Strauss no ano 1896. Agora cambiamos os números de posición e chegamos ao ano 1968, no que se estreou a película "2001. Odisea en el espacio". Grazas a esta película, "Amanecer" fíxoxe moi popular xa que forma parte da súa banda sonora. Cantos anos pasaron desde que se compuxo ata que se empregou na peli?? Faino mentalmente!! Esas cabezas, a funcionar!!!
Dez, nove, oito, sete, seis, cinco, catro, tres dous, un ... despegamos!
Como vedes, os protagonistas desta música son os instrumentos de vento metal e de percusión. Hoxe imos comezar pola familia do vento metal. Imos ver como producen o son:
Sabes cales son os instrumentos que compoñen esta familia tan brillante?
Escoita agora que ben soa toda a familia xuntiña:
Xogamos as adiviñas? Pois escoita con atención a ver se descubres que instrumento soa. Neste vídeo "coláronse" outros instrumentos de vento, pero non de metal... bueno, non importa, imos deixalos e outro día traballamos con eles. Abre ben as orellas!!
Despois desta semana chegarán as vacacións, así que vou deixarvos unhas cancións de repaso, para que poidades tocar pezas diferentes. Tamén poderedes curiosear nos petiscos de cuarto e de terceiro porque alí atoparedes cancións de cursos pasados que tamén poderedes repasar.
Non todos os quintos tedes o mesmo repertorio; unhas cancións coinciden e outras non. Para aclarar: cada un/ha de vós ten que estudar e repasar as súas cancións, tanto as desta semana como as da semana pasada, pero anímovos a que, pouquiño a pouco, miredes algunha máis dos outros cursos; é unha forma de aplicar o que xa sabemos e que o traballo instrumental sexa máis ameno e variado.
Lembrade os pasos para aprender unha canción nova: escoitala con atención seguindo a partitura; fixarse en todos os elementos que a forman: figuras, notas, compás, puntiños, ligaduras, sinais de repetición...; numerar os compases. Intentar medila con palmas dicindo o nome das notas, dixitar na frauta e, cando vaia saíndo, tocala. Primeiro amodiño e, a medida que a vaiades afianzando, aumentade a velocidade. De nada serve apurar se non a sabedes ben. Aí van:
"Nana orquestal" (5ºB e 5ºC)
Esta instrumentación está concebida para interpretar con instrumentos variados: frautas, láminas e pequena percusión.
Os/as que xa tedes a partitura copiada na libreta, revisádea por se ten erros. Para os/as que a partitura sexa nova, de momento non a copiedes; tocádea pola fotocopia e pegádea na libreta. Veredes que é moi sinxela, non hai nada novo.
A canción está estruturada en 2 partes: A e B. Observade que hai 4 voces: vós só tedes que estudar a voz I, tanto da parte A como da parte B. Os/as que xa estudastes a canción no cole, tamén faredes a segunda voz tal e como a fixemos na clase.
"Old Mc Donald" (5ºA) Esta melodía tan coñecida e pegadiza é, como a anterior, unha instrumentación para interpretar con variedade de instrumentos. Ten dúas voces moi faciliñas. É importante respetar os silencios e as repeticións así que, estade moi atentos/as. É unha peza moi repetitiva; en canto a escoitedes varias veces, xa vos queda de memoria. Ollo co final da segunda voz, que os dedos teñen que estar áxiles e para eso só hai un remedio: PRACTICAR.
Cando a teñades estudada, interpretade unhas veces a primeira voz e outras, a segunda.
Imos despedirnos cantando e dedicando esta canción a todas as persoas que estes días están e estades sendo tan valentes. Se cada un de nós aporta o seu graíño de area, axiña voltaremos ás nosas vidas. Escoitádea e bailádea ca vosa familia.
Agora que xa estamos en acción, imos traballar cos instrumentos do noso corpo. Tedes que prestar moita atención. Como veredes hai dous paxariños: un de cor azul e outro de cor rosa. O paxariño azul é o mestre e vós sodes o paxariño rosa. Veredes que O mestre fai os ritmos primeiro e logo, repetides vós. Igual que facemos na clase de música do cole: primeiro observades moi atentos e despois repetides. A medida que avanza a canción vai aumentando a velocidade e xa o facedes xuntos. É moi importante que empreguedes todos os instrumentos que vos indican, incluída a voz. Aí vai, moita atención:
Que tal? Gustouvos? Podédelo repetir as veces que vos apeteza. Tamén o podedes practicar ca vosa familia: un/ha é o paxariño azul e outro/a o rosa.
Imos agora cas figuras musicais que aprendimos no cole. Cales eran? Pensádeo e contestade antes de seguir adiante.
Sí, tedes razón: redonda, blanca, negra, silencio de negra e corchea. Agora que a memoria xa está en marcha, imos traballar a blanca, a negra, o silencio de negra e as corcheas con estes dous exercicios rítmicos. Lembrade que cando vexamos a negra dicimos "ta", ás corcheas chamámoslle "ti-ti" e á blanca, imos dicir "blan-ca", como facemos no cole, aínda que neste vídeo poña "To-e". Practicádeos tantas veces como queirades cambiando de cada vez o instrumento: palmadas, pés, xeonllos, dedos, bicos... e todos os que se vos ocorran.
Agora toca escribir e ler unha pouquiña música. Na primeira ficha tedes que relacionar e unir a figura musical co seu nome e as sílabas que decimos cando as lemos. Na segunda,hai que poñer debaixo das figuras as sílabas. A última tarefa consiste en ler estes ritmos á vez que dicimos "ta", "ti-ti" ou sshhh!!!, según corresponda. Podedes facelo primeiro con palmadas e logo repetilo con diferentes instrumentos, como no exercicio anterior. Se non podedes imprimilo, non pasa nada, podedes facelo por aquí:
Se decidides descargalo e facelo en papel, ide gardando as fichas nunha carpetiña. Poñéde o voso nome, o curso, o grupo e a data. Logo poderemos facer un caderno con todos estes traballiños.
Que vos parece se investigamos un pouquiño o son que fan os diferentes materiais? Se vos apetece, podedes elaborar unha maraca con material de refugallo. Decorádea ben bonita, ao voso gusto. Intentade facer varias maracas, meténdolle dentro materiais de diferente tamaño: arroz, lentellas, garavanzos, macarróns, fideos... Que pasará? Soarán iguais? Por que? Cando estea feita, podedes traballar todos os exercicios anteriores con ela.
Xa estamos a piques de rematar, pero antes quero ensinarvos outra música sobre a Primavera.
A semana pasada escoitamos "A Primavera" de Antonio Vivaldi, lembrades? Pois ben, hoxe imos escoitar "O Vals das flores" de Tchaikovsky, unha música que fala tamén da chegada da primavera. Fixádevos ben nos instrumentos.
Facede un debuxo sobre as flores e os animais da primavera, mentres escoitas a música de novo.
Atopa aquí os instrumentos que soan no "Vals das flores". Recortádeos e coloreádeos. Peggádeos no voso debuxo e poñédelle o título da música e o nome compositor: "O Vals das flores". Tchaikovsky. Ollo con ese apelido, que é moi difícil de escribir. É ruso!
Agora xa tedes o voso cadro do "Vals das flores". Seguro que é ben bonito. Gárdao para que poda velo cando voltemos ao cole.
Ide facendo estes traballiños pouquiño a pouco. Agora veñen uns días de vacacións e, cando rematen, seguiremos divirtíndonos con máis música!!!
Imos despedirnos dedicando esta canción as todas as persoas que estes días están e estades sendo tan valentes. Se cada un de nós aporta o seu graíño de area, axiña voltaremos ás nosas vidas. Escoitádea e bailádea ca vosa familia.
Retomamos os ensaios
con esta melodía tan pegadiza: Franz´s Bogiee. Déixovos aquí o audio para que poidades
acompañarvos da música. A partitura xa a tedes vós.
Uns conselliños antes de
comezar: mirade a partitura amodiño, parte por parte, fixándovos nos detalles, especialmente nas
pasaxes que conteñen grupos rítmicos máis complexos como semicorcheas,
puntiños, síncopas, silencios, ligaduras … Mellorade as partes que non saen,
non deixedes os erros sen corrixir. Os dedos, para correr, precisan axilidade e
iso consíguese practicando moito: primeiro despacio e aumentando a velocidade a
medida que o afianzades.
A segunda parte da peza
precisa dunha especial atención; non é difícil pero o último día que a tocamos …
aínda non estaba lista para sacala do forno.
Nada máis. A petiscar na
frauta todos os días un pouquiño. Se présa pero sen pausa.
"Franz´s Boogie é unha versión estilo "boogie woogie" dunha peza clásica do compositor Franz Schubert, popularmente coñecida como "La trucha".
Franz Peter Schubert naceu en Viena (Austria) no ano 1797. Foi un dos principais músicos da época do Romanticismo musical.
Viviu só 31 anos, nos que foi capaz de compoñer unha obra musical excepcional, aínda que a súa música non foi recoñecida ata finais do século XIX.
Foi un gran compositor de "lieds", composicións breves para voz e piano, así como de moitas obras para piano, o seu instrumento principal. Foi un gran admirador de Beethoven. Morreu no ano 1828.
Aquí poderedes escoitar a música orixinal "La trucha", tocada por un quinteto (cinco instrumentos: violín, viola, violoncello, contrabaixo e piano). Sobre esta música, creose a versión "boogie woogie" que vós tocades.
Por fin aprendín a insertar audios no blog. Non vos imaxinades canto estou aprendendo!!! Isto vai ser de gran utilidade para nós porque non todas as pezas que traballamos na clase pódense atopar en internet; son conscente que traballar sen audio nas partituras novas complica un pouco a tarefa. Superada esta dificultade, déixovos aquí o audio dunha das miñas partituras preferidas e que xa temos traballada: "A la claire fontaine". Esta partitura tédela os dous sextos. Agora é un bo momento para deixar PERFECTAS tanto a primeira como a segunda voz, especialmente esta última.
As frautas contralto seguides a traballar a vosa parte, facendo especial fincapé na terceira voz do sistema 124. Traballade as notas graves, sen forzalas; xa sei que non son doadas pero con esforzo e dedicación, saen. Dixitade antes de tocar: escalas ascendentes e descendentes (especialmente do-sol, ascendente e descendente) para acomodar os dedos á frauta. Aí queda o audio. No recadro da dereita, onde aparece unha flechiña, podedes picar e descargades a canción, así non teredes que entrar no blog cada vez que queirades estudala.
"A la claire fontaine". Tradicional Canadá (6ºA,6ºB)
Como xa sabedes, o repertorio de cada sexto varía un pouquiño; algunhas cancións son comúns e outras non. Para aclarar: cada grupo ten que repasar as súas aínda que, se queredes, podedes aprender as dos outros grupos. Eu anímovos a que o fagades. Non son difíciles e estades preparados para facelo. Se tedes dúbidas, xa sabedes, preguntádesme.
"El campanero". Orquestal (6ºB)
Esta peza comezámola a preparar hai unhas semanas. Está pensada para tocar con diferentes instrumentos: frautas, láminas, pequena percusión... De momento imos seguir preparando a primeira voz ca frauta soprano. As compañeiras que tocan o violín tamén poden preparala. Máis adiante comezamos co traballo das frautas contralto. Ollo co fa sostenido!!
Igual ca peza anterior, "El gato Aki" está creada para ser interpretada por diferentes instrumentos. Como xa a temos explicada na clase, repasádea ben e afianzade todas as voces ca frauta. Cando a queiramos tocar con distintos instrumentos, xa estaremos preparados. Os/as que a ides tocar por primeira vez comezade pola voz I. Máis adiante aprendede a II e a IV. Xa para rematar a voz III, primeiro as notas de enriba e logo as de abaixo. Realmente o importante é a voz I. Máis adiante comezaremos cunha parte para a frauta contralto.
Que sensación che transmite o comezo desta canción? Tranquilidade e paz ou actividade e movemento?
O son do mar convídanos á reflexión, á calma, á paz interior... Nós teremos que conseguir instrumentalmente esa sensación e poderemos facelo creando unha paisaxe sonora. Non se trata de tocar melodía senón de crear sons que nos axuden a transmitir esas sensacións.
Que instrumentos poderíamos elaborar para a nosa paisaxe sonora? Eu vouvos propoñer un e vós teredes que pensar noutros, a ver que se vos ocorre. Estou convencida de que ides ter moi boas ideas.
A miña proposta é elaborar un pao de choiva.
Este instrumento consiste nun tubo recheo de sementes. O tubo pode ser longo ou curto e dependendo da súa lonxitude o son producido cambiará. O tubo inclínase amodiño e as sementes caen; no seu repicar producen un son que semella o da choiva ou a da auga caendo. Como vos dixen, emprégase para crear efectos de son ambiental.
Hai moitísimas alternativas de elaborar un pao de choiva, dependendo do tempo que queirades invertir, dos materiais dos que dispoñades ... É unha tarefa bonita para elaborar sen présa ca vosa familia. Adornará a vosa casa e axudará a crear ese ambiente de paz que precisamos na montaxe da canción.
Deixovos aquí este vídeo que vos fala da súa orixe e plantexa unha elaboración moi aberta. Podedes inspirarvos nos infinitos titoriais que hai en internet, pero eu anímovos a que empreguedes a vosa creatividade e imaxinación para elaborar un pao de choiva único: o voso.
Se queredes, podedes enviar foto das vosas creacións. A medida que vaian chegando, publicareinas. Mentres elaborades o voso instrumento, suxírovos que vos acompañedes da música do compositor francés Claude Debussy.
Claude Debussy foi un dos compositores e pianistas máis importantes de finais do século XIX e principios do XX.Naceu en Francia no ano 1862. Está considerado como o primeiro compositor impresionista.A súa música está inspirada nunha gran variedade de poesía, incluída a súa propia.Desenvolveu unha música caracterizada pola creación de paisaxes sonoras de gran colorido orquestal.Foi moi criticado pola sociedade do seu momento pero as súas obras influiron moito nun gran número de compositores posteriores a el.Morreu en Francia aos 55 anos e idade.
Podedes "bucear" pola música de Debussy e ver as obras que máis vos gustan.
Eu propóñovos un par delas:
"Arabesque número 1"
"Suite Bergamasque".Claro de luna.
Identificades o instrumento destas pezas? Esta tarefa consiste en elaborar un pequeno traballiño, sinxelo, sobre o piano. A súa orixe, familia instrumental á que pertence, como produce o seu son, tipos de pianos, pianistas máis importantes na historia da música e outros datos que vos parezan interesantes. Como sempre, podedes facelo no soporte que queirades: dixital, papel ... o importante é que o fagades ben e que aprendades mentres o facedes.
Imos despedirnos cantando e dedicando esta canción as todas as persoas que estes días están e estades sendo tan valentes. Se cada un de nós aporta o seu graíño de area, axiña voltaremos ás nosas vidas. Podedes escoitala e bailala ca vosa familia.
Lembrade que a vida con música, soa mellor! Os/as amigos/as do grupo de flautas, mirade na pestana "Divertimento". Alí tamén hai colgada tarea para vós. Comezan os ensaios!!