Xa queda moi pouquiño para esta época tan bonita do ano e o que apetece agora e traballar melodías de Nadal.
Aquí déixovos as propostas de Nadal que estamos a traballar nas aulas de cuarto e sexto de primaria. Esta vez a clase é para os dous cursos e, aínda que cada un sabe as actividades que lles corresponden, vounas poñere en común para todos7as poidades desfrutar delas.
Imos alá!
Comezamos con este exercicio rítmico que xa traballamos na clase. trátase de interpretar ca percusión corporal esta coñecida peza.
"Marcha Radetzky". Johann Strauss
Practicádea moito na casa; cada curso xa sabe a parte que lle corresponde. Unha vez aprendida a vosa parte, poderedes traballar o resto. Para aprendelo, poderedes poñelo máis lento se é preciso. Xa sabedes o truquiño !! 😉😉
A Marcha Radetzky é unha composición orquestal de Johann Strauss escrita en no ano 1848. Está considerada como un dos himnos oficiais de Austria.
Tradicionalmente, Marcha Radetzky é a última peza que se interpreta no Concerto de Aninovo de Viena. Poderedes desfrutar deste concerto o día 1 de xaneiro na televisión; é a única peza do mundo na que o director convida ao público a que acompañen cas palmas algúns fragmentos.
Escollín a interpretación deste ano porque encántame o director da orquestra Georges Pétre que nese momento tiña nada menos que ... 86 anos!!!!!
Marcha Radetzky. Concerto de Aninovo 2010. George Pétre
Aproveito para deixarvos as Cancións de Nadal de frauta para o alumnado de sexto. Xa sabedes que os/as alunos/as de cuarto podedes intentalo, especialmente ca primeira canción, aínda que non é obrigatorio. Tamén vos deixo os exercicios de preparación para que vos facilite o traballo. Veña, mans á obra!!
"Estreliña, onde estás?" 🎆🎇🎄
"Jingle Bells" 🎅🎄🎇🎵🎷
Aínda máis difícil! 😀🎵
Como xa vos dixen na clase, déixovos unha táboa cas dixitacións.
E agora repasamos o que temos prendido neste trimestre ca frauta.
Despois duns meses de descanso e das semanas de adaptación ao cole, voltamos con moita música e moitas ganas de aprender e traballar.
Como xa sabedes, o blog vai ser un recurso máis da aula de música para aprender na casa e na clase.
Este curso a clase de música vai ser algo diferente: imos dar clase na nosa aula, non imos levar a frauta, non poderemos traballar con todos eses instrumentos tan chulos que hai na clase... pero non pasa nada. Imos aproveitar esta oportunidade para construír os nosos propios instrumentos, para aprender a facer música doutro xeito, para coñecer a moitos intérpretes e compositores pero, sobre todo, para seguir divertíndonos cos nosos amigos e amigas a través da música.
Neste blog colgaremos as actividades semanais que imos traballar na clase; se por calquera circunstancia non podedes vir á escola, poderedes abrir o blog e alí estarán as actividades que imos facer na aula.
O blog tamén nos axudará a seguir practicando durante a semana as actividades presentadas na aula. Agora que non podemos levar a frauta a clase, é moi importante que todas as semanas practiquedes un pouquiño as cancións que vos deixo para que poidades seguir aprendendo e progresando.
Colgaremos xogos rítmicos, vídeos divertidos, historias interesantes .... tamén publicaremos os vosos vídeos tocando a frauta e outros instrumentos, fotos dos vosos instrumentos e todo o que fagamos nas clases.
Lembrade desinfectar os vasos rítmicos, a frauta e todo o que empreguedes para practicar, antes e despois de usalo. É moi importante !!!
Agora déixovos con esta canción tan bonita e tan positiva. Para todos vós e as vosas familias.
Deséxovos un bo curso e lembrade que ... a vida con música soa mellor!!!
Antes, luthier ou lutier era a persoa que construía ou reparaba instrumentos de corda. Agora, chamamos luthier á persoa que constrúe ou repara calquera instrumento musical, sexa de corda, vento ou percusión.
Este curso ímonos convertir en luthiers construíndo, trimestre a trimestre, instrumentos das tres familias para crear a nosa propia orquestra. Apetécevos??
Pois veña, non hai tempo que perder.
Comezamos cunha frauta ben sinxela. Ímola construír para practicar na clase. Algúns de vós xa construistes frautas moi chulas de cartón, de papel, con envases de espuma ...
Hoxe déixovos aquí unha idea moi sinxela. Podedes poñela ao voso gusto ou animarvos con outras propostas. Cando estea rematada, teredes que traela a clase para practicar a dixitación das cancións. Pedide axuda se o precisades e lembrade que as frautas teñen sete buratos diante e un detrás 😉
Agora que xa temos frauta, imos practicar un pouquiño cunhas cancións de Nadal que dentro de nada xa estamos co turrón!!! 🎄🎄🎅🎅
"Estreliña, onde estás?"
"Jingle Bells" (Versión curta)
Jingle Bells! (Versión longa)
Practicade moito estas cancións e lembrade de repasar as anteriores.
E agora xogamos a ser ...
Os Detectives da Música!!
Esta semana imos investigar estes misterios. Prestade atención e apuntade os vosos descubrimentos na libreta de música. O vindeiro día de clase, teredes que conatrnos o que descubristes.
🔍En que país naceu Beethoven? Averigua a data do seu nacemento.
🔍Cantos anos antes ca ti naceu Beethoven?
🔍Averigua en que ano morreu. Cantos anos fai da súa morte?
🔍 Cantos anos tiña cando morreu?
🔍 Cal era o seu instrumento preferido?
🔍 Que enfermidade tivo Beethoven ? Coñeces algunha das súas
composicións?
Agora que xa descubristes estes misterios, déixovos aquí unha maneira moi orixinal de descubrir a vida de Beethoven.
A vida Ilustrada de Ludwig Van Beethoven
Beethoven. Concerto nº 5, "Emperador". Adagio
Podedes escoitala mentres leedes, pintades ou vos relaxades. Espero que vos guste.
Ímonos despedir coa escena final da película "El discurso del Rey". Conta a historia do rey de Inglaterra que, con moito esforzo, intenta superar os problemas de tartamudez que ten desde neno. É unha película preciosa onde poderedes escoitar moita música de Beethoven e tamén algo de Mozart.
Antes, luthier ou lutier era a persoa que construía ou reparaba instrumentos de corda. Agora, chamamos lutier á persoa que constrúe ou repara calquera instrumento musical, sexa de corda, vento ou percusión.
Este curso ímonos convertir en lutiers construíndo, pouco a pouco, instrumentos das tres familias para crear a nosa propia orquestra. Apetécevos??
Pois veña, non hai tempo que perder.
Como este curso non podemos levar a frauta a clase, algúns de vós construistes frautas moi chulas de cartón, de papel, con envases de espuma ...
Hoxe déixovos aquí unha idea moi sinxela. Animádevos e traede a vosa frauta a clase para practicar a dixitación das cancións. Pedide axuda se o precisades e lembrade que as frautas teñen sete buratos diante e un detrás 😉
Agora que xa temos frauta, imos practicar un pouquiño.
Cambiamos agora ao ritmo con este exercicio tan divertido. Tedes que prestar moita atención. Se non tedes follas de cores podedes empregar follas brancas e facerlles debuxos en cor vermella, verde, azul e verde para distinguilas. Cando as teñades preparadas, teredes que traelas a clase e xogaremos a crear e imitar ritmos.
Mentres decorades as vosas follas, podedes escoitar esta música tan bonita que coñecimos a semana pasada na clase.
Beethoven. Concerto nº 5."Emperador". II Movemento. Adagio
E agora xogamos a ser ...
OS DETECTIVES DA MÚSICA!!
Esta semana imos investigar estes misterios. Prestade atención e apuntade os vosos descubrimentos na libreta de música.
🔍En que país naceu Beethoven? Averigua a data do seu nacemento.
🔍Cantos anos antes ca ti naceu Beethoven?
🔍Averigua en que ano morreu. Cantos anos fai da súa morte?
🔍 Que enfermidade tivo Beethoven ? Coñeces algunha das súas
composicións?
Agora que xa descubristes estes misterios, déixovos aquí unha maneira moi
orixinal de descubrir a vida de Beethoven.
A vida Ilustrada de Ludwig Van Beethoven
Ímonos despedir coa escena final da película "El discurso del Rey". Conta a historia do rey de Inglaterra que, con moito esforzo, intenta superar os problemas de tartamudez que ten desde neno. É unha película preciosa onde poderedes escoitar moita música de Beethoven e tamén algo de Mozart.
Beethoven. Sinfonía nº 7 en La mayor. Allegretto
Ata aquí a tarefa desta semana. Traballade moito que moi prontiño teredes que ir mandando algún vídeo tocando a frauta.
Aproveitando que estamos en Samaín, esta semana imos traballar con ritmos e melodías terroríficas. Comezamos cunha canción para frauta propia desta época.
Imos agora a practicar varios exercicios rítmicos cuns esqueletes moi divertidos
Seguimos con esqueletes e con percusiòn corporal
Que vos parece agora traballar con pantasmas?
Imos rematar cunha peza titulada "Danza macabra" do compositor francés Camile Saint-Saëns. Mentres a escoitades poderedes facer un debuxo terrorífico.
Como vos dixen na útima clase, imos traballar estas cancións novas. Practicade moito e non vos esquezades de seguir traballando os exercicios da semana pasada.
Xa estamos aquí de novo. Esta semana, aproveitando que se celebra o Samaín, imos escoitar música, cantar cancións e traballar o ritmo con cabazas, esqueletes, teas de araña... Preparad@s?
Comezamos repasando as figuras musicais con este terrorífico exercicio
Imos agora a traballar estes ritmos da Familia Adams ca percusión corporal
Imos probar ca mesma melodía pero agora con outro ritmo e empregando os nosos vasos. Podedes decoralos como no vídeo; veredes que chulos !!
Seguimos a traballar o ritmo con esta historia de cazafantasmas 👻👻👻
Podedes practicalo cos vasos e tamén coas mans. Cando as baquetas tocan separadas, percutides coas mans na mesa e cando tocan xuntas, palmeades. Sempre seguindo o ritmo. Tedes que estar moi atent@s!!!
Rematamos escoitando "Danza macabra" do compositor francés
Camille Saint-Saëns. Mentres escoitades, poderedes facer un debuxo terrorífico.
Practicade moito estes ritmos na casa e repasade as cancións de frauta.
Como vos dixen na clase desta semana, déixovos unhas cancións de frauta para que sigamos avanzando.
Este curso imos aprender a facer ritmos con obxectos cotiáns. Como vedes na foto, comezaremos cuns vasos de plástico. Mellor que sexa duro, para que non rompan. Podedes traelos o día que teñamos clase e logo practicaredes na casas con eles. Non vos esquezades de desinfectalos antes e despois de traballar con eles.
Comezamos traballando o ritmo con estes exercicios para practicar como fixemos na clase. Non vos confiedes que, aínda que semellen doados, precisan de práctica.
Agora imos ca melodía. Sacade a frauta, desinfectádea e veña, en posición para comezar. Aproveitade os exercicios de preparación para escoitar os sons e cantar as notas, como facemos na aula. Así practicaremos á vez a lectura e a interpretación musical.
Hoxe chegamos ata aquí. Practicade moito para a próxima clase. Déixovos estes vídeos que enviaron Niko e Pedro. Grazas por compartilos!!
Ata o luns !!!
Ola a todas e todos!
Como xa falamos na clase, este curso a clase vai ser un poquiño diferente. Non poderemos levar a frauta nen tocar os instrumentos da aula de música pero non vos preocupedes: ímolo pasar moi ben. Seguiremos aprendendo cancións, practcando ritmos, tocando instrumentos inventados por nós ... as cancións de frauta aprenderémolas na clase e logo teredes que traballalas na casa.
As actividades que imos facer esta semana serán melódicas e rítmicas. Lembrade que, se queredes seguir progresando, deberedes traballar ca frauta un poquiño todas as semanas. Buscade unha forma de construír unha frauta para traer a clase tal e como falamos a semana pasada. Botádelle imaxinación e a ver que sae.
Aproveitade esta oportunidade para poñervos ao día ca lectura das notas musicais e a aprendizaxe da frauta. Lembrade que é moi importante desinfectar as mans e a frauta antes e depois de traballar con ela.
Este curso tamén imos aprender a facer ritmos con obxectos cotiáns. Comezamos cuns vasos de plástico. Mellor que sexa duro, para que non rompan. Poderedes traelos o día que teñamos clase e logo practicaredes na casas con eles. Non vos esquezades de desinfectalos antes e despois de traballar .
Comezamos traballando o ritmo con estes exercicios para practicar como fixemos na clase. Non vos confiedes que, aínda que semellen doados, precisan de práctica.
Esta semana tivestes que investigar sobre o piano, así que imos ver unha escea da película "El pianista". Música do compositor polaco Federico Chopin.
Ata aquí a clase se hoxe. Agora a practicar durante a semana as cancións de frauta e os ritmos. Seguide investigando sobre o piano: quen o inventou, en que ano, a que familia pertence, como se toca, como é por dentro, cantas teclas ten, compositores de música para piano, obras famosas ... e moitas máis cousas que poderedes aprender mentres investigades sobre este instrumento tan bonito.
Como todos os anos por estas datas, imos celebrar o Concerto de Fin Curso. Hoxe é un día moi especial; en realidade, todo este curso foi bastante especial. Tivemos que aprender a estudar e traballar desde casa, a non ver aos amigos e á familia, a deixar de facer cousas que nos fan felices... mais tamén aprendimos a valorar as pequenas cousiñas como xogar no parque, dar un paseo ou abrazar ás persoas que queremos.
Todo iso fai que o día de hoxe cobre tanto valor. Ese pequeno concerto no que participamos todos os anos no salón de actos do cole para celebrar o final de curso e despedir aos compañeiros de sexto, convértese hoxe nun Grande Concerto onde, desde casa, imos compartir o estupendo traballo dos compañeiros/as que rematan unha etapa e comezan outra.
A todos vós, compañeiros e compañeiras de sexto, desexámosvos o mellor e agradecemos o esforzo que fixestes para que, a pesar das circunstancias, poidamos desfrutar deste día e que Petiscos Musicais sexa hoxe unha Grande Sala de Concertos. Grazas!!
Comezamos. Imos recibilos cun enooorme aplauso.
Comezamos con Mara, Carlota e Jorge. Van deleitarnos con "That´s all flok" e "O son do ar".
Viaxamos ata Canadá, para escoitar esta canción tradicional tan fermosa. Xa sabedes que é a miña preferida; non pode faltar no programa. Neste caso non a poidemos tocar a tres voces, nen empregar a frauta contralto que tanto nos gusta; aínda así, é preciosa. Titúlase "A la claire fontaine" e vai ser interpretada por Víctor, Luisda, Iván, Lola e Anxo. Adiante rapaces!!
Imos cara atrás e aterramos na época do Barroco, si, a de Bach, Vivaldi, Pachelbel e tantos outros músicos que compuxeron obras marabillosas. Con todos vós: Adrián, Irene e Sabela. Interpretan "Viva Vivaldi", de Jesús Palazón.
Seguimos no Barroco e agora imos escoitar aos xograres de Arteixo. Con todos vós Matías, Jose e Alén interpretando, a tres voces, "Canon" de Johann Pachelbel.
Volvemos á música tradicional, mais esta vez é música da nosa terra. Nekane e Daniela van interpretar para nós "A Rianxeira".
Estou segura que vos ides deixar levar polo ritmo da seguinte canción. Ten unha melodía que todos/as coñecemos e un ritmo que convida a bailar. Uxía, Sofía, Sergio, Diego, Alex e Alejandra van a interpretar "Mamma mía", un éxito do grupo pop dos anos setenta, ABBA.
Cambiamos de época e de estilo. Que vos parece se imos ao cine?? Señoras e señores, con todos vostedes Jimena e Xiana, interpretando as fermosas melodías das bandas sonoras das películas "La vita é bella" e "Titanic".
Estamos a a piques de rematar, pero antes imos comprobar o "perigo" que ten isto de facer concertos no blogue. Aquí todo é posible, ata dar un concerto sen sabelo. Queredes comprobalo? Pois mirade, mirade ...
Ata aquí chegamos. Espero que desfrutarades moito deste concerto tan especial. Desde aquí quero felicitar a todas as nenas e nenos que participastes polo bo traballo, o compromiso, a ilusión, o esforzo e a implicación para facer de hoxe un día especial. Os traballos que mandastes algúns de vós esta semana, serán os primeiros que se publiquen cando comece o cole; hoxe resultoume totalmente imposible. O blogue veu para quedarse. Tamén irei colgando pouco a pouco, en petiscos de sexto, algúns vídeos de cancións e instrumentacións que conservo destes cursos; poderédelos descargar e formarán parte dos vosos recordos.
Despedimos este concerto lembrando algúns momentos dos últimos cursos. Nadal, Día da Paz, Entroido, Concertos Didácticos, Fin de Curso... momentos extraordinariamente sinxelos que desfrutamos xuntos. Espero que vos guste.
Animádevos a participar aquí abaixo, en "Comentarios", escribindo algo para os vosos compañeiros e compañeiras.
E aos que marchades para o instituto ... portádevos ben!!! Estareivos vixiando desde a miña clase. Unha grande aperta a todas e todos! Ata pronto!! Feliz verán !!
Estamos na recta final do curso e hoxe daremos a nosa derradeira clase. A semana que ven, concretamente o xoves 18 de xuño, teremos unha cita aquí, en Petiscos Musicais, para despedir con música este curso escolar tan atípico. Despediremos aos nosos/as compañeiros/as de sexto de primaria, que marcharán para o instituto. Conto con todos/as vós para desfrutar dese concerto tan especial.
Durante estas semanas fomos coñecendo os diferentes instrumentos musicais. Hoxe imos coñecer á gran familia que forman estes instrumentos: a orquestra sinfónica.
"Unha orquestra sinfónica está formada por máis de oitenta músicos/as que tocan instrumentos de vento, de metal e de percusión. Cada instrumento ten un lugar determinado na orquestra, que está dirixida por unha directora ou un director"
Un pouquiño de historia ...
Unha vez máis decatámonos das aportacións do pobo grego á música. Xa coñeciamos unha morea de palabras procendentes da súa lingua: pentagrama, tetragrama,xilófono, metalófono, pentatónico ... e agora, orquestra.
Como vistes no vídeo, ás veces, a orquestra convida a algún instrumento que non forma parte dela, como o piano, a guitarra, o saxofón ou ... algún "instrumento" tan peculiar coma este... Vós xa non o coñecedes pero os vosos pais e avós si... Preguntádelle !!!!
"A máquina de escribir". Leroy Anderson
Aquí escoitaremos aos músicos e músicas que compoñen a Orquestra Sinfónica de Galicia. Como non podían ensaiar xuntos, tocaron cada un/unha na súa casa e interpretaron esta peza.
"Nimrod", Variación nº 9 de "Variacións Enigma"
Edward Elgar
Orquestra Sinfónica de Galicia
Cal é a función do/a director/a de orquestra? Estamos afeitos/as a ver directores de orquestras, mais esta labor tamén é desenvolvida por mulleres, como Lucía Marín, Inma Shara, Alondra de la Parra, entre moitas outras.
Lucía Marín. Directora de orquestra.
A orquestra sinfónica pode interpretar música de todos os estilos e épocas: música clásica, música de cine, música tradicional ...
" A danza do sabre". Khachaturian
"Os sete magníficos". E. Berstein
Dirixe: Inma Shara
"Marcha do entrelazado do Allariz" Carlos Núñez e Orquestra Sinfónica de Galicia
Mozart, Beethoven, Chopin, Tchaikosvky, Debussy e moitos máis músicos/as escribiron obras para a orquestra sinfónica: concertos, sinfonías, óperas... sería imposible plasmar as obras máis importantes ou destacadas porque hai tantas ... e tan fermosas ... que sodes vós os/as que teredes que ir descubrindo aos compositores e as obras que máis vos gusten. Para iso, nada mellor que escoitar música de todos os estilos.
Para seguir aprendendo
Déixovos uns enlaces para que poidades facer actividades relacionadas ca clase de hoxe.
Ata aquí a clase de hoxe. Pero aínda non marchamos. Imos desfrutar ca interpretación destes/as pequenos/as grandes músicos/as. Música mestres/as!!! 🎷🎹🎺🎻🎸
E tamén das creacións duns/dunhas luthiers moi especiais. Aí van!!!!
Moitas grazas a todas e a todos!! Vémonos no "Concerto de Fin de Curso" que terá lugar aquí, en Petiscos Musicais, o xoves 18 de xuño. Non faltedes!!! Poderedes aproveitar para despedirvos dos vosos compañeiros e compañeiras. Esperámosvos!!!!
Ola a todas e todos e benvidas/os a un novo concerto didáctico.
Como vos prometín a semana pasada, hoxe temos con nós á familia da corda fretada. Para amosarnos os segredos destes instrumentos, contamos ca participación dalgunhas compañeiras do cole e dun convidado de excepción. Imos recibilas/os cun forte aplauso.
Para as presentacións contamos cunhas convidadas ás que lle gusta moito a música: a pintura e a escultura. Elas encargaranse darlle entrada aos protagonistas de hoxe. Imos? Comezamos co benxamín da familia. Se queredes coñecer algunhas cousiñas deste instrumento, escoitade con moita atención a Sabela, a Nuria e a Vicky.
Pasamos a outro dos instrumentos desta familia. Veredes que ten moitas semellanzas pero tamén algunhas diferenzas, comezando polo tamaño. Queredes saber cal é? Pois veña, imos escoitar a Lía.
Preparádevos agora porque imos ver un xigante musical. Para falar do instrumento máis grande da familia da corda fretada está con nós un convidado de excepción: Luciano Varela, un contrabaixista que vos deixará ca boca ben aberta. Escoitade!!!
Seguro que vos decatastes que aquí falta alguén; pois si, falta a viola. Como sabedes, a viola é un pouquiño máis grande e máis grave co violín. Podemos dicir que o seu son atópase entre os sons medios do violín e os graves do violoncello. Imos escoitala.
"Perfect". Ed Sheeran. Viola: Jeremy Green
Xa estamos a piques de rematar. Hoxe escoitamos aos instrumentos de corda como instrumentos solistas; agora ímonos despedir cun dúo de violín e frauta moi especial: Nuria e Icía van tocar unha peza para todos nós. Icía foi alumna do cole ata o curso pasado e hoxe faime moita ilusión que estea compartindo este concerto con nós. Adiante ese dúo; Sabela será a encargada de pechar o concerto.
Ata aquí o concerto de hoxe. Espero que desfrutarades moito escoitando e vendo estes marabillosos instrumentos. Moitas grazas a todas/os os que, con tanta ilusión, participastes neste concerto e tamén aos que estades aí, na outra beira, participando semana a semana cas actividades de música. Aí van as vosas creacións.
Déixovos cunha obra para cada un dos instrumentos de hoxe.
"Pisando flores". Ara Malikian
Ara Malikian. Este violinista e compositor naceu en Beirut (Líbano) no ano 1968. O seu pai ensinoulle a tocar o violín cando era un neno e axiña decatouse que Ara tiña moito talento. Durante moito tempo tivo que vivir agochado en refuxios aéreos, xa que o seu país estivo en guerra moitos anos. Deu o seu primeiro concerto con doce de idade e, grazas ao seu esforzo, concedéronlle unha beca para estudar cos mellores mestres de violín. Agora vive en España e da concertos por todo o mundo.
Nesta peza, composta por el mesmo, poderedes ver aos instrumentos protagonistas do concerto de hoxe.
"Le Cygne". El carnaval de los animales. Camille Saint-Sëns
"El vuelo del moscardón". Nicolai Rimsky-Korsakov
🎻Obras plásticas. Os cadros e a escultura que presentaron aos instrumentos do concerto forman parte da exposición "Sonoro empeño". Convídovos a que pinchedes no enlace e desfrutedes en casa, ca vosa familia, dun percorrido virtual onde poderedes ver a relación entre música e pintura.
Se vos animades a pintar algo relacionado ca música... enviádemo e compartirémolo no blogue!!
🎻Ideas para esta semana. Para todos os cursos. Curioseade; hai moitas alternativas.
🎻 Para os cursos 3º,4º,5º e 6º: repasade as cancións de frauta e mirade as clases que tedes sen facer ou pouco traballadas. 🎻Para 1º e 2º: traballade os xogos e as actividades das clases que aínda non fixestes. Repasade as que xa están feitas. 🎻Para todos os cursos: practicade e repasade as actividades que fomos facendo ao llongo destas semanas. Aínda hai algunhas que están sen facer. Podedes tamén entrar nas dos outros cursos. 🎻 Seguide mirando o blog nestas últimas semanas e seguide mandando as vosas creacións.
Agora si que marchamos. Ata a semana que ven!! Non faltedes!!
Unha grande aperta e... moito ánimo, que xa queda menos!!!